Escuchar
xoves, 18 Outubro, 2018

A picadura dunha tubaria nunhas obras que se están a realizar á altura do número 12 da Avenida de Vigo, en Pontecesures, provocou unha fuga de gas.

Segundo se lle informou ao 112 Galicia, a orixe da fuga estaba na  parte baixa dun edificio de catro pisos situado en dita rúa. Afortunadamente, descartáronse danos persoais e tampouco se procedeu ao desaloxo dos veciños do inmoble. Por recomendacións dos técnicos, indicóuselles que non acenderan ningún tipo de aparello eléctrico e que permanecesen nas vivendas para evitar calquera situación de risco.

Ao fío das 11:00 horas desta mañá, unha persoa particular informaba ao 112 dun escape de gas na rúa por mor da rotura dunha tubaria por unhas obras.

Nada mais recibir o aviso, desprazáronse ata o lugar os axentes da Policía Local, Bombeiros de Vilagarcía,  membros do GES de Valga e os efectivos de Protección Civil de Pontecesures.  Ademais, os xestores do 112 informaron da situación ao persoal da empresa subministradora do gas que abastece a zona.

Unha vez no punto e ao confirmarse a existencia de fuga, os técnicos procederon ao corte do subministro. Así mesmo, os Bombeiros realizaron as correspondentes medicións tanto no edificio afectado coma en outros lindeiros e, ao comprobar que os resultados eran negativos, deron por finalizada a súa intervención.

Nestes intres, os técnicos tratan de reparar a avaría.