Escuchar
martes, 25 Setembro, 2018

Os servizos sanitarios de urxencia evacuaron esta tarde a un menor atropelado por un turismo na Rúa das Fontes, en Lugo.

O cativo foi trasladado ao Hospital da cidade despois de recibir os primeiros coidados no lugar do accidente, fronte ao Instituto Ánxel Fole.

A alerta sobre este suceso saltou ás seis desta tarde no 112 Galicia a través da chamada dun veciño que pedía axuda urxente para o menor, polo que desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias pediuse a intervención dos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, que xa tiñan coñecemento do suceso e enviaban medios.

Ademais, contaron coa colaboración dos axentes da Policía Local, alertados polo persoal do 112.

Colisión múltiple en Marín
Por outra banda, tres persoas resultaron feridas a causa dunha colisión na que se viron implicados cinco vehículos. Sucedeu no concello pontevedrés de Marín pouco antes do mediodía. Foi unha persoa particular quen contactou co 112 para informar da situación e pedir asistencia médica para os feridos. Así, desde o Centro Integardo de Atención ás Emerxencias de Galicia avisouse aos profesionais sanitarios e aos axentes da Policía Local. 

Finalmente, foron os axentes quen confirmaron que un total de tres persoas necesitaron atención médica e foron evacuados ao centro hospitalario de referencia.