Escuchar
luns, 18 Xuño, 2018

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron esta tarde a un operario que resultou ferido grave tras caer dunha obra en Crecente.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o accidente tivo lugar no Lugar de Casares ao fío das 17:30 horas de hoxe, cando o traballador dunha empresa de montaxes caeu desde unha altura duns 20 metros. Ao lugar do accidente acudiron os axentes da Garda Civil e os profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, que trasladaron ao ferido en estado grave ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Operario atrapado en Vilar de Santos
Non foi o único accidente laboral que esta tarde rexistrou o 112 Galicia. Tamén en Vilar de Santos, os bombeiros de Xinzo liberaron a un operario ao que lle quedou un brazo atrapado baixo unha pedra. Sucedeu ás 14:30 horas nunha nave do Polígono industrial da localidade.

A chamada dun particular ao 112 permitiu activar un operativo no que interviron, ademais dos bombeiros de Xinzo, os profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, que puxeron a disposición o helicóptero medicalizado con base en Ourense, mais a persoa puido ser, finalmente, trasladada en ambulancia.