Escuchar
martes, 27 Marzo, 2018

Un home abandonou o veleiro no que navegaba pola Ría de Vigo tras declararse un incendio no interior da súa embarcación.

Foi o propio afectado, que resultou ileso,  quen chamou ao 112 Galicia para pedir axuda arredor das dúas da tarde. Segundo relatou, o lume comezou no interior do veleiro e a columna de fume era visible desde diferentes puntos da Ría de Vigo, tal e como corroboraron outros veciños que contactaron co CIAE 112 desde Redondela e Vigo.

Co fin de poñerse a salvo, o único tripulante do veleiro serviuse dun bote a remos para afastarse da embarcación en chamadas ata que foi recollido por outro barco, que o devolveu a terra. El mesmo volveu a poñerse en contacto cos servizos de emerxencias para confirmar que se atopaba en perfecto estado de saúde, así que rexeitaba a asistencia sanitaria.

Pola súa banda, un equipo de Salvamento Marítimo a bordo da Sasemar Mirach, así como os axentes da Garda Civil que se desprazaron na embarcación Guadalupe, encargouse de sufocar o incendio e de remolcar o veleiro afectado ao Porto de Cangas.

Incendio alpendre Sanxenxo
Por outro lado, en terra, concretamente no concello de Sanxenxo, produciuse un lume no interior dun alpendre, que resultou calcinado a un 30 por cento.

Ocorreu uns minutos antes da unha desta tarde e ata alí se desprazaron os membros do GES de Sanxenxo, alertados polo persoal do CIAE 112 Galicia.

Unha vez no lugar comprobaron que non había persoas afectadas, pese a que co alpendre linda unha casa que estaba ocupada no momento de producirse o lume.

Finalmente, os efectivos do GES sufocaron as lapas que afectaron a unha cociña que había no interior do alpendre e outros obxectos.

Afectado o segundo andar dun casa de Cedeira
Por último, indicar que en Cedeira viuse afectada a planta alta dunha casa situada na Rúa Fraga Iribarne.

Ninguén resultou ferido, pero si se rexistraron danos importantes no interior da vivenda composta por dous andares. En concreto, ardeu unha habitación e diverso mobiliario disposto na segunda planta, a máis afectada.

O CIAE 112 Galicia tivo constancia do suceso arredor das 16:30 horas de hoxe.