Escuchar
luns, 15 Outubro, 2018

Dúas persoas resultaron feridas esta tarde en Nigrán nunha colisión na que se viron implicados catro vehículos. O accidente tivo lugar na PO-552, concretamente no punto quilométrico 11, ao fío das 15:55 horas.

Nese momento, os axentes da Policía Local de Nigrán alertaban do ocorrido ao 112 Galicia e, decontado, o persoal do 112 Galicia pasaba o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, ao GES do Val Miñor e á Garda Civil de Tráfico.

Saída de vía
Por outra banda, en Tui, unha persoa tivo que ser excarcerada polos Bombeiros do Porriño tras saírse da vía o turismo no que viaxaba. Ademais, debido ao accidente, se viron afectados un poste do alumeado público e outro da liña telefónica.

Sucedeu na A-55, na saída Tui Norte, en sentido Portugal.

O 112 Galicia tivo constancia do sinistro uns minutos despois das 16:15 horas, a través da alerta dunha persoa particular. Acto seguido, os xestores do 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros do Porriño , da Policía Local e das empresas subministradoras de electricidade e conexión telefónica.

Dúas persoas feridas
Ademais, dúas persoas foron trasladadas a un centro hospitalario despois de que o coche no que circulaban rematase fóra da vía no termo municipal da Rúa. Ocorreu no punto quilométrico 468 da N-120, ao fío das 16:50 horas.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia,  tamén no mesmo punto tivo lugar unha colisión por alcance entre  dous vehículos, cuxos ocupantes detiveran a marcha para socorrer ás persoas feridas na saída de vía. Neste caso, non houbo que lamentar danos persoais.

Varios particulares contactaban co 112 Galicia para alertar do sinistro e indicaban no seu relato que unha das persoas feridas se atopaba atrapada.

Así, ata o lugar do sinistro acudiron, tras recibir o aviso do persoal do 112 Galicia, os efectivos sanitarios do 061-Urxencias Sanitarias, os Bombeiros e o GES de Valdeorras, a Policía Local e a Garda Civil de Tráfico.

Unha vez no lugar dos feitos, os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Valdeorras descartaron empregar o material de excarceración. Iso si, axudaron ás persoas a saír do coche, que rematou nunha posición que impedía aos seus ocupantes saír polo seu propio pé.