Boletín Informativo das 09:00 horas do día 24/01/2023
Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas
Resulta ferido o maquinista dun tren de mercadorías que descarrilou en Lalín
O tren, de transporte de mercadorías non perigosas e que cubría a ruta Santiago-Ourense, descarrilou tras atoparse cun derrubamento sobre a vía, e acabou por colidir contra o piar dunha ponte que circula por enriba. A locomotora e varios vagóns quedaron envorcados lateralmente, mentres que o maquinista puido saír coa axuda dos Bombeiros de Silleda, que non tiveron que empregar o material de excarceración. O accidentado non presentaba feridas de consideración.
Sobre as 9:15 horas desta mañá, desde o Centro de Seguridade de Adif informaban ao 112 de que un tren de mercadorías sufrira un accidente nas proximidades da estación de Lalín, en sentido Ourense. Cómpre sinalar que, no momento dos feitos, non transportaba ningún material. O punto localízase á altura do quilómetro 7 da PO-902, e desde Adif confirmaron que nesa zona non hai catenaria.
O maquinista do convoi permaneceu consciente en todo momento, e desde os servizos de emerxencias indicáronlle que non abandonase a cabina ata que chegaran ao lugar. Estaba, iso si, atordado ao sufrir un golpe na cabeza tralo sinistro.
Tamén un particular que se atopaba na zona chamou ao 112 para alertar do sucedido, e explicaba que a locomotora e varios vagóns resultaran envorcados.
No operativo participaron o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil, os Bombeiros de Silleda, o GES de Lalín, a Policía Local e os membros do Servizo Municipal de Protección Civil de Lalín e o persoal de Emerxencias de Adif.
Polo de agora, os servizos de emerxencias continúan traballando no punto para retirar a máquina accidentada da vía.
Un incendio provoca importantes danos materiais no baixo dunha vivenda en Pazos de Borbén
Por fortuna, o suceso saldouse sen persoas feridas, pero o balance de bens calcinados polo lume, entre os que se atopan dous vehículos que permanecían estacionados no interior, foi extenso.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ás 5:45 horas desta mañá: un dos particulares que se atopaban na vivenda afectada, situada na parroquia de Amoedo, en Pazos de Borbén, alertaba de que ardía o seu baixo. Desde o primeiro momento confirmaba que non había persoas afectadas polo incendio, e no interior da estancia na que se orixinou gardábanse dous coches, maquinaria e diferentes pezas de mobiliario.
Os xestores do 112 solicitaron con rapidez a colaboración dos Bombeiros do Porriño, do GES de Mos e dos axentes da Garda Civil.
Unha vez no lugar, os servizos de extinción traballaron para atallar as lapas, que deron por apagadas minutos despois das 9 horas, tralo que fixeron balance dos múltiples danos causados polo lume: arderon ambos vehículos, varios electrodomésticos, a totalidade do mobiliario almacenado, así como diversas bicicletas, ferramentas e outras pezas de maquinaria.
Ademais, a parte superior do inmoble, na que se atopa a vivenda, viuse afectada polo fume e os gases, aínda que os seus catro ocupantes resultaron ilesos.