Boletín Informativo das 09:00 horas do día 19/03/2023
Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas
Un tractorista perde a vida ao sufrir un accidente co seu vehículo en Cerceda
Un veciño de Cerceda faleceu despois de sufrir un accidente co tractor que manexaba no lugar de Tasende.
Ás 19:40 horas de onte, os profesionais de urxencias sanitarias contactaron co 112 Galicia para informar do tráxico suceso. O equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 acudira a un domicilio, na parroquia de Rodís, para comprobar o estado de saúde dun varón que sufrira un accidente cun vehículo agrícola. Segundo a información facilitada ao 112, unha das rodas do tractor esmagouno contra un piar, o que, desafortunadamente, só permitiu ao persoal sanitario confirmar o seu falecemento.
Co fin de determinar as circunstancias do suceso, os xestores do 112 pasaron aviso aos axentes da Garda Civil e da Policía Local. Igualmente, púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros de Ordes e tamén dos efectivos de Protección Civil de Cerceda, por se nalgún momento fora necesaria a súa colaboración.
Os bombeiros interveñen en Láncara para liberar ao condutor dun turismo tras producirse unha saída de vía
Un home resultou ferido na noite de onte ao saírse da vía o coche no que circulaba, á altura do punto quilométrico 13 da LU-546.
Os feitos tiveron lugar minutos despois das 23:30, no concello lucense de Láncara, ao seu paso pola parroquia da Pobra de San Xiao. O condutor, único ocupante do turismo, tivo que ser excarcerado polos Bombeiros de Sarria, ao quedar atrapado no interior do vehículo e, posteriormente, foi trasladado polo persoal sanitario ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
O 112 Galicia tivo coñecemento da situación a través da chamada de alerta dunha persoa particular, testemuña do accidente, que relatou que o vehículo estaba envorcado e que o condutor non era quen de abandonalo polos seus propios medios.
Cómpre indicar que ao lugar do accidente tamén acudiron os axentes da Garda Civil de Tráfico. Ademais, desde o 112 avisouse igualmente ao servizo de mantemento da vía.