Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Cae un home por un profundo desnivel en Samos

Os bombeiros sacan dun barranco a un home que sufriu unha caída cando se desprazaba a un quilómetro do lugar de Santalla, en Samos.

A chamada dunha persoa particular ao 112 Galicia pasadas as once desta mañá permitiu organizar un rescate no que participaron os Bombeiros de Sarria e os axentes da Garda Civil.

Tamén foi necesaria a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para o traslado do afectado ao centro médico máis próximo. Aínda que o seu estado era bo, a persoa será revisada polos facultativos debido tamén aos seus problemas de saúde.

Segundo explicaron os efectivos do parque comarcal de bombeiros, o barranco no que caeu era bastante profundo, tal e como anunciaba a persoa que contactou co 112 para solicitar axuda.

Un peregrino ferido na Guarda
Por outra parte, pouco antes, outra persoa, neste caso un peregrino de fala inglesa, recibiu axuda dos membros do GES da Guarda despois de caer nunha matogueira en Oia.

O ferido presentaba lesións de escasa importancia, pero, con todo, unha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 acudiu ao lugar para prestar os primeiros coidados.

Nesta situación, foi o propio afectado quen chamou ao 112 Galicia e serviuse do sistema de tradución simultánea para explicar con claridade o tipo de axuda que necesitaba.