Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Unha colisión en Cabanas require a intervención dos bombeiros para liberar dúas persoas atrapadas

Unha vez fóra dos vehículos, as persoas recibiron asistencia médica e mesmo foron trasladadas ao centro hospitalario de referencia.

A colisión entre os dous coches produciuse pouco despois das nove desta mañá na N-651, na saída da autopista en Cabanas, tal e como indicaron as persoas que chamaron ao 112 Galicia para solicitar axuda.

Con esta información, os xestores do 112 pediron a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos Bombeiros do Eume e membros do GES de Mugardos, pois confirmouse que había unha persoa atrapada en cadanseu vehículo. Para liberarlos, os equipos de rescate cortaron a porta nun coche e no outro sacaron os ocupantes pola porta traseira. En total, dúas persoas foron excarceradas e trasladadas para a súa atención no centro hospitalario.

Ademais, por mor do impacto, a circulación viuse interrompida nun dos carrís de circulación á altura do punto quilométrico 21. Por iso, tamén acudiron os axentes da Garda Civil de Tráfico e o persoal de limpeza en mantemento do Ministerio de Fomento.