Boletín Informativo das 13:00 horas do día 03/10/2022
Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas
Un motorista é trasladado ao hospital tras sufrir unha caída na area en Muxía
O implicado sufriu unha caída na praia dos Muíños e tivo que ser atendido no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee.
Esta mañá, ás 9:45 horas, o 112 Galicia recibía a chamada dun particular que alertaba da caída dun motorista na praia dos Muíños, en Muxía. Aínda que estaba consciente, o accidentado necesitaba da asistencia dos servizos sanitarios, pois resultara ferido ao golpearse coa area tras caer da moto.
Foi entón cando, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, se informou do acontecido aos equipos de emerxencias. O persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 desprazouse a bordo dunha ambulancia ata a area muxiá, onde ofreceron atención médica ao ferido. Finalmente, dende a Policía Local de Muxía comunicaron que o paciente foi trasladado ao centro hospitalario de referencia.
Ademais, voluntarios de Protección Civil da localidade achegáronse ata o lugar para colaborar no operativo.