Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Un home falece en Sarria tras ser alcanzado por unha furgoneta

Os Bombeiros de Sarria comprobaron no lugar dos feitos que a vítima estaba accesible, malia quedar baixo o vehículo.

Os feitos ocorreron na Praza da Vila pouco antes da unha desta tarde, tal e como explicou o condutor implicado no accidente durante a súa chamada ao 112 Galicia.

Para atender o home, os xestores do 112 Galicia pediron a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aínda que nada puideron facer por salvar a vida do home. 

Tamén solicitaron a intervención dos bombeiros, pois, nun primeiro momento, pensouse que o falecido estaba atrapado baixo o vehículo. Sen embargo, os efectivos do parque comarcal comprobaron que podían sacar a persoa sen a axuda dos equipos de excarceración.

Este operativo completouse cos axentes da Policía Local. 

Un coche bate contra unha casa en Lugo
Os bombeiros tiveron que intervir para liberar a unha das persoas que resultaron feridas a causa deste sinistro.

Segundo a información recibida no 112 Galicia, o coche envorcou lateralmente tras bater contra a vivenda, polo que un dos seus ocupantes quedou atrapado no interior. Foi así como os xesores do 112 solicitaron a intervención dos Bombeiros de Lugo, ademais dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Unha vez que os efectivos do parque municipal remataron a súa intervención, os dous implicados recibiron os primeiros coidados antes do seu traslado ao centro hospitalario de referencia.

Cómpre sinalar que o accidente produciuse no barrio da Fervedoira pouco despois das nove desta mañá, tal e como explicou o alertador a través da súa chamada ao 112.

 

facebook twitter instagram