Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Dúas persoas tiveron que ser trasladadas tras un incendio nunha casa de Castrelo do Val

Ambos feridos, que sufriron queimaduras, foron evacuados ao centro hospitalario de Verín polos servizos sanitarios.

A información chegou ao 112 Galicia pasadas as 9:30 horas desta mañá. Os axentes da Garda Civil, alertados por un particular que se atopaba no lugar dos feitos, comunicaban que ardía unha casa na entrada do lugar de Gondulfes, en Castrelo do Val (Ourense). Engadían, ademais, que podía haber xente no seu interior.

Efectivamente, o 112 tivo constancia pouco tempo despois de que dúas persoas estaban no interior do inmoble no momento no que se orixinaron as lapas. Así, os Bombeiros de Verín, que as 10:15 horas continuaban traballando na extinción do lume, indicaron que os dous ocupantes foron trasladados ao Hospital de Verín tras sufrir queimaduras, o que foi finalmente confirmado polo persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Segundo os últimos datos dos que dispón o 112, os servizos de extinción continúan no punto, co incendio xa controlado, realizando tarefas de refrixeración. A casa, de gran tamaño e antigüidade, ardeu case por completo.

Neste operativo tamén participa a Garda Civil, e se informou ao GES de Laza por se resultara necesaria a súa intervención.

Arde unha vivenda en Vigo
A casa, que ardeu case por completo e que estaba chea de lixo, atopábase baleira nese momento, polo que non houbo que lamentar danos persoais.

Contra a mesma hora, o 112 foi informado por un particular de que saía lume nunha vivenda situada na rúa Aragón, e descoñecía se podería haber alguén no seu interior. De inmediato, os xestores do CIAE 112 solicitaron a intervención dos servizos sanitarios, que enviaron unha ambulancia a modo preventivo, á Policía Nacional, e  aos Bombeiros e axentes da Policía Local de Vigo.

Unha vez no punto, os servizos de extinción procederon a apagar as lapas, que calcinaron case por completo as instalacións.

Unha persoa resultou ferida mentres cortaba leña nun monte de Manzaneda

Desde Urxencias Sanitarias de Galicia-061 chegou a mobilizarse un helicóptero medicalizado para evacuar ao ferido, aínda que sería trasladado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.

Ás 12 horas, o persoal dos servizos sanitarios comunicaba ao 112 Galicia que estaba mobilizando a aeronave medicalizada con base en Ourense debido a unha persoa que sufrira un corte cunha motoserra, mentres cortaba leña en Tonxil, Manzaneda (Ourense). Sen embargo, a escasa visibilidade imposibilitou a aterraxe do helicóptero no punto do accidente, polo que o ferido foi finalmente evacuado en ambulancia.

Tamén interviñeron no operativo os axentes da Garda Civil e os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Manzaneda.

O envorco dunha formigoneira deixa un ferido en Cualedro

O seu único ocupante conseguiu saír ao exterior polo seu propio pé e non resultou ferido de consideración, segundo a información facilitada polos servizos de emerxencias.

O 112 Galicia tivo constancia deste accidente ás 10:45 horas. Un particular informaba de que unha formigoneira acababa de envorcar no quilómetro 5 da 0U-1018, á altura de Rebordondo, en Cualedro (Ourense).

Desde o 112 informouse, ademais de a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico, que se desprazou ata o lugar, aos Bombeiros de Verín e á Policía Local, así como a Protección Civil de Cualedro. Por outra banda, un cable eléctrico quedara en contacto co vehículo tralo sinistro, polo que tamén se solicitou a colaboración da empresa encargada da súa xestión.

facebook twitter instagram