Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Tres persoas resultaron feridas, unha delas foi excarcerada, despois de colidir dous coches en Narón

Os Bombeiros de Narón interviñeron co material de excarceración para liberar a unha das persoas implicadas no sinistro, que ocorreu no punto quilométrico 4 da AC-116.

Ademais, outras dúas persoas sufriron feridas por mor do impacto, de xeito frontal, entre os dous vehículos. O saldo final deste accidente foi de tres persoas trasladadas.

Varias persoas particulares deron conta ao 112 Galicia do choque entre os dous coches, uns minutos despois das 09:00 horas desta mañá.

Acto seguido, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Narón, da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da vía de circulación.

Saída de vía dun camión en Arzúa
Por outra banda, o condutor dun tráiler que se saíu da vía tivo que ser auxiliado polos Bombeiros de Arzúa, para conseguir baixar do vehículo, ao rematar a cabina do camión sobre unha cemba, no punto quilométrico 60 da N-547. Posteriormente, o home foi atendido polo persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 debido ás feridas sufridas.

O accidente produciuse uns minutos despois das 10:30 horas. Foi nese momento cando o 112 Galicia tivo coñecemento dos feitos a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

A partir de aí, desde o 112 Galicia requiriuse a intervención  dos Bombeiros de Arzúa, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e do servizo de mantemento da estrada.

Accidente de tráfico por mor da neve
Ademáis, no termo municipal ourensán do Bolo, dous coches colidiron por mor da neve. Debido ao impacto, unha persoa tivo que ser trasladada a un centro médico polos servizos sanitarios.

O choque entre os dous vehículos ocorreu na OU-533, á altura do punto quilométrico 33, na parroquia de Cambela.

Unha das persoas implicadas na colisión contactou co 112 Galicia, ás 12:30 horas, para alertar da situación. Segundo indicaba, ao perder o control do seu coche pola presenza de neve na vía batera contra outro turismo. Tamén engadía na súa comunicación que había persoas feridas.

Nada máis recibir o aviso, o persoal do 112 Galicia puxo a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Bolo, da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da vía de circulación.

facebook twitter instagram