Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Controlado o incendio que afecta a un serradoiro en Valga

Un incendio que afecta a unha nave dedicada ao tratamento da madeira no lugar do Outeiro, en Valga, está controlado, sen rexistrarse danos persoais.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, os servizos de emerxencia manteñen o lume contido nunha zona da fábrica para evitar, deste xeito, a súa propagación.

O 112 Galicia tivo coñecemento do lume ás cinco e media, a través de varias persoas particulares, que alertaban de que ardía no interior da nave e engadían que ningunha persoa estaba ferida.

De xeito inmediato, desde o CIAE 112 Galicia activouse un operativo no que interveñen os Bombeiros de Vilagarcía e de Ribadumia, o GES de Padrón, Protección Civil de Valga e os axentes da Garda Civil. Tamén, informouse do incendio aos Bombeiros de Boiro e ás autoridades medioambientais da Xunta de Galicia.

Dúas persoas resultaron feridas nunha colisión entre catro coches na Coruña

Unha colisión múltiple na que se viron implicados catro turismos saldouse con dúas persoas feridas.

O choque en cadea tivo lugar na Palloza, nas proximidades do porto, ás once e cuarto desta mañá.

A esa hora, unha persoa particular contactou co 112 Galicia para alertar dos feitos e, axiña, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Policía Local e aos Bombeiros da Coruña.

Colisión múltiple en Mos
Por outra banda, tres coches bateron e unha persoa resultou ferida no punto quilométrico 15 da A-55, á altura de Mos.

Os feitos sucederon concretamente na saída 15 A da autovía, en sentido a Vigo, ao fío das tres e media.

O 112 Galicia recibiu nese momento a chamada dun particular na que alertaba da colisión múltiple. Acto seguido, desde o CIAE 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, do GES de Mos e do servizo de mantemento da vía.
 

Un home foi trasladado despois de declararse un incendio nunha casa en Larouco

Un home tivo que ser trasladado ao presentar síntomas de intoxicación por inhalación de fume tras declararse un incendio nunha casa en Larouco. Ademais, o lume deixou importantes danos na vivenda, situada no lugar de Seadur.

Concretamente, as lapas afectaron a unha palleira e á cociña, na que caeu a cuberta. Tamén arderon varios apeiros de labranza e herba acumulada. Ademais, segundo a información recollida no 112 Galicia, o lume alcanzou dúas casas lindeiras, nas que arderon as persianas.

Foi ás dez desta mañá cando o 112 Galicia recibiu a alerta do incendio a través dunha persoa particular.

Decontado, desde o CIAE 112 Galicia requiriuse a intervención dos Bombeiros e do GES de Valdeorras, da Garda Civil, de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e de medios da Central de Incendios de Ourense. Ademais, informouse ao GES de Castro Caldelas e a Protección Civil de Larouco, por se fose necesaria a súa intervención.

facebook twitter instagram