Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un motorista resulta falecido tras sufrir unha caída en Mugardos

Malia á asistencia prestada, os servizos sanitarios nada puideron facer para salvar a súa vida.

O 112 Galicia tivo coñecemento do accidente a través da chamada do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Un motorista acababa de sufrir unha caída nas inmediacións das piscinas de Mugardos. Ata o punto tamén se desprazou, coa máxima celeridade, unha unidade do GES de Mugardos, que á súa vez solicitou ao 112 a colaboración da Garda Civil de Tráfico.

Os servizos sanitarios, mobilizados nunha ambulancia, proporcionaron atención médica ao implicado, que finalmente resultou falecido a causa do grave sinistro.

Os Bombeiros de Vilalba extinguen un incendio nunha nave de transportes en Rábade

O lume, que non provocou danos persoais, afectou a parte da mercadoría que había almacenada nas instalacións.

Momentos antes das 15 horas, o 112 Galicia recibía a chamada dun particular, quen alertaba dun lume nunha das naves situadas no polígono industrial de Rábade, en Lugo. Descoñecían a orixe do incendio, pero ao abrir as portas do local, dedicado ao sector dos transportes, saía unha importante cantidade de fume de cor negro e confirmaban, dende os instantes iniciais, que non había persoas feridas polas lapas nin intoxicadas polo fume.

Ante a potencial gravidade da situación, desde o 112 coordinouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vilalba e da Garda Civil. Así pois, a rápida actuación dos servizos de extinción conseguiu limitar os danos e impediu a propagación das chamas, que finalmente afectaron a un estante no que se almacenaba material de caucho, que ardeu por completo.

Os Bombeiros daban por finalizada a súa intervención no punto ás 16 horas desta tarde.