Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Os Bombeiros de Betanzos recuperan o corpo dunha persoa nunha zona de difícil acceso en Bergondo

Os Bombeiros de Betanzos encargáronse das tarefas de rescate do falecido, que se atopaba nunha zona de marisma, baixo o viaduto da autopista, á altura do quilómetro 9 da AP-9-F (Bergondo).

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ás 15:15 horas desta tarde, tralo que solicitou a intervención dos servizos de emerxencias: o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil, os Bombeiros de Betanzos e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Bergondo desprazáronse ata o lugar.

Nun primeiro momento, a proximidade do corpo coa auga fixo pensar na necesidade de efectuar a operación a bordo de medios acuáticos, pero finalmente púidose acceder por terra. Así, os Bombeiros fixeron uso dunha padiola de rescate para trasladar o corpo da persoa a unha ambulancia, que os esperaba nas proximidades. Os servizos sanitarios confirmaron o falecemento.

Ademais, no operativo tamén participaron axentes da Guardia Civil de Tráfico e operarios de conservación das estradas, xa que o primeiro alertador, un particular, chamara ao 112 para informar de que unha furgoneta levaba un tempo prolongado parada na marxe do viaduto da AP-9-F, no mesmo quilómetro 9, e sen sinalizar.

Completado con éxito o rescate do home incapaz de descender do cantil ao que escalara no cabo Ortegal

Os Bombeiros do Eume conseguiron baixar esta tarde á persoa implicada, que resultou ilesa.

O 112 Galicia recibira na mañá de hoxe, sobre as 12:15 horas, o aviso dun particular que se atopaba no cabo Ortegal (Cariño), e que informaba dun home que non conseguía descender do acantilado polo que escalara. Aínda que non estaba nunha zona orientada directamente ao mar, corría perigo ao atoparse a unha gran altura. Requiriuse entón a acción dos Bombeiros do Eume, que pouco despois das 15 horas daban por rematado o operativo. A persoa, pola súa banda, non precisou asistencia sanitaria e, tras ser posto a salvo, puido abandonar o lugar polos seus propios medios.

Tamén participaron axentes da Garda Civil, e se informou, aínda que non chegarían a intervir, a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao GES de Ortigueira e a Salvamento Marítimo.

facebook twitter instagram