Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Falece un veciño de Castro Caldelas tras caerlle unha porta enriba

Malia que mobilizáronse os efectivos do GES, o rescate descartouse porque os veciños conseguiran retirar a porta cunha carretilla. 

Tal e como explicou a persoa que chamou ao 112 Galicia para pedir axuda, os feitos ocorreron ás 15:30 horas de hoxe nun domicilio situado na Estrada de Ponferrada. Alí acudiron os membros do GES de Castro Caldelas e os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pero nada puideron facer por salvar a vida do home.

Tamén se desprazou unha patrulla da Garda Civil co fin de recoller toda a información relacionada con este fatal accidente no ámbito doméstico. 

Pola súa banda, o equipo de rescate de Castro Caldelas confirmou que o acceso dos sanitarios foi posible porque xa os veciños conseguiran retirar a porta o suficiente para facilitar a asistencia.  

Un motorista sofre lesións graves nas pernas tras ser alcanzado por un camión en Vigo

O sinistro produciuse no túnel de Beiramar en dirección ao Náutico.

Así o indicaron as persoas que chamaron ao 112 Galicia ás 18:30 horas para pedir asistencia para o único ferido nesta colisión, na que se viron implicados o camión e a moto.

Para a atención do ferido, con importantes feridas nas pernas, os xestores do 112 pediron a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Ademais, tamén se informou aos axentes da Policía Local e aos bombeiros da cidade, aínda que o ferido estaba perfectamente liberado e accesible.

facebook twitter instagram