Escoitar
domingo, 14 Agosto, 2022

Remata a busca do pescador de Bueu coa localización do seu corpo en Punta Chenla.

A familia perdeulle o rastro tras saír a pescar a noite pasada pola zona de Cabo Udra. 

Ante a súa falta e a imposibilidade de establecer unha comunicación con el, a súa parella acudiu aos axentes da Policía Local, que informaron e solicitaron colaboración para a busca a través do 112 Galicia.

Así, desde onte, un operativo por terra, mar e aire tratou localizar sen éxito ao pescador. Foi durante esta mañá, tras reactivárense os labores de busca, cando unha persoa da contorna do desaparecido atopuno sen vida en Punta Chenla.

Deste xeito, finaliza a busca coordinada en mar polos equipos de Salvamento Marítimo, e na que participaron os rescatadores do Servizo de Gardacostas de Galicia, así como axentes da Garda Civil a bordo de helicóptero e embarcación, ademais do operativo en terra cos axentes da Policía Local e os voluntarios de Protección Civil.