Imaxe escoitar Escoitar

Os efectivos da Comandancia Naval do Miño envían medios para a busca dun corpo que os veciños aseguran ter visto flotando no río

A Comandancia Naval do Miño está a enviar medios para a busca dun corpo que os veciños afirmar ter visto flotando nas proximidades da Praia de Cela, no Concello de Arbo.

A alerta chegou ao 112 Galicia ás 20:25 horas de onte por parte dun veciño que aseguraba ver un corpo entre uns ramallos, a uns cinco metros da beira.

Sen embargo, debido á crecida do río, perderon o corpo de vista, polo que nin os veciños nin tampouco os axentes da Garda Civil, que se desprazaron ao lugar avisados polo 112 Galicia, puideron confirmar a presenza do suposto cadáver.

Deste xeito, a primeira hora desta mañá a Comandancia Naval enviou os medios necesarios para rastrexar a zona, que será a contorna da Praia de Cela e 500 metros augas abaixo. Incluso se servirán de medios para practicar a inmersión no caso de que o suposto corpo se tivera afundido.

Cómpre lembrar que o pasado día 10 desapareceu na zona un pescador de nacionalidade portuguesa.

 

Unha persoa resultou afectada por un incendio declarado nun edificio abandonado en Ferrol

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron esta noite a unha persoa que resultou afectada por mor dun incendio orixinado no interior dun edificio abandonado en Ferrol.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o lume comezou arredor das oito da tarde de onte nun inmoble abandonado situado na Rúa de María. Como consecuencia do incendio, unha persoa resultou afectada e foi trasladada nunha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias ao Hospital Arquitecto Marcide.

Ademais, o lume provocou a alarma entre os veciños dun edificio lindeiro, que decidiron evacuar de inmediato ante o temor de que se propagasen as lapas. Igualmente, e de forma voluntaria, decidiron pasar a noite en casas de familiares, aínda que o lume quedou completamente extinguido e os bombeiros descartaron calquera tipo de risco.

Con todo, resultou calcinado un primeiro e segundo piso máis o tellado. Pese a tratarse dun edifico abandonado, segundo explicaron os bombeiros da cidade, un dos pisos estaba ocupado por unha persoa.

O operativo activouse ás 20:25 horas de onte cando uns veciños chamaron ao 112 Galicia alertados por un fume negro que saía dunha fiestra.

A partir dese momento, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia avisou aos bombeiros, así como aos profesionais sanitarias e aos axentes de seguridade local. Os efectivos de extinción remataron a súa intervención sobre a medianoite.

facebook twitter instagram