Imaxe escoitar Escoitar

Dúas persoas foron trasladadas despois de inhalar gas procedente dunha neveira avariada

Dous hóspedes dun hotel foron trasladados, por precaución, ao hospital tras inhalar gas dunha neveira. Ocorreu despois da medianoite nun establecemento situado na Vía do Norte, en Vigo.

Segundo explicaron os bombeiros da cidade, a orixe da fuga estivo no serpentín dunha neveira de bebidas, que estaba picado.

Os hóspedes da habitación afectada foron trasladados ao hospital por unha ambulancia de Urxencias Médicas. Os profesionais sanitarios decidiron practicarlles análisis e outras probas para descartar unha posible intoxicación.

Foron os propios afectados quen se puxeron en contacto co 112 Galicia en canto sentiron un forte cheiro a amoníaco na habitación.

Ademais de alertar ao Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia, informaron ao persoal do hotel, que puxo os medios para arranxar a avaría. Así, os bombeiros consideraron innecesario desaloxar o establecemento.

 

Rescatado o condutor dun turismo que caeu por un desnivel en Navia de Suarna

Un turismo saíuse da vía e caeu por un terraplén cando circulaba pola estrada de Barcia a Mosteiro, ao paso por Navia de Suarna. O vehículo quedou nunha zona de difícil acceso e o condutor necesitou axuda para abandonar o coche.

O accidente rexistrouse ás 22 horas da noite de onte, concretamente, no lugar de Molmeán.

Os profesionais de Urxencias Médicas solicitaron a colaboración do CAE 112 Galicia, dende onde se enviou aviso aos Bombeiros de Sarria e aos membros do GES de Becerreá.

Finalmente, a persoa foi rescatada e trasladada en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.    

facebook twitter instagram