Escoitar

Rescatan un mozo na costa de Viveiro

Un mozo que estaba practicando windsurf acaba de ser rescatado a un quilómetro da costa de Viveiro. O rapaz non era quen de volver a terra polos seus propios medios.

O propio pai do mozo observou a situación dende o espigón de Celeiro e chamou ao 112 Galicia ás 12:20 horas. Con estes datos, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias puxo en marcha un operativo de rescate. Alertouse a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia. Tamén se informou a Protección Civil e á Policía Local. 

Salvamento Marítimo decidiu mobilizar a embarcación Concepción Arenal, con base en Celeiro, para auxiliar ao deportista. O rapaz está sendo trasladado a terra a esta hora. 


Un traballador ferido ao sufrir unha caída nunha fábrica de Pontevedra

Accidente laboral en Pontevedra. Un traballador resultou ferido de carácter leve ao sufrir unha caída. A vítima precipitouse ao chan dende unha altura aproximada duns tres metros cando estaba a realizar tarefas de mantemento nunha zona de escaleiras dunha fábrica de fariña. A empresa na que se produciron os feitos sitúase no Polígono das Gándaras, na parroquia de San Salvador de Budiño. 

O 112 Galicia tivo constancia do acontecido ás 9:20 horas desta mañá, a través do aviso de Urxencias Médicas. Dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertouse aos membros de Protección Civil e á Garda Civil. Os efectivos sanitarios, entre tanto, desprazáronse ao lugar para asistir ao traballador.