Imaxe escoitar Escoitar

O CAE 112 Galicia rexistrou nesta mañá unha vintena de incidencias por mor da neve e placas de xeo nas estradas

O Centro de Atención ás Emerxencias (CAE) 112 Galicia rexistrou entre as 08:00 e as 13:00 horas desta mañá 22 incidencias relacionadas coa presenza de neve (18) e placas de xeo (4) nas estradas de Galicia. A alerta laranxa por neve decretada para a xornada de hoxe nas zonas montañosas de Lugo e Ourense está a deixar as primeiras incidencias ao longo desta mañá. En Manzaneda, os membros do GES de Castro Caldelas tiveron que rescatar a catro persoas –dous adultos e dous menores- que quedaran atrapados no seu coche cando circulaban pola estrada que une Manzaneda e Paredela. A cantidade de neve acumulada na vía impedía ao turismo continuar a marcha. Tralo incidente, os axentes de Tráfico procederon a cortar a estrada, que discorría próxima ás pistas de esquí de Manzaneda. Alertados polo persoal do 112 Galicia, ás 11:30 horas de hoxe, tamén se achegaron efectivos de Protección Civil e forzas da orde. Igualmente, en Pedrafita do Cebreiro, varios particulares que chamaban ao 112 Galicia, minutos antes das 11:00 horas de hoxe, aseguraban que ao redor de cinco coches non podían circular pola DP-1301, á altura do lugar de Pacios. Indicaban que o espesor da neve acadaba os dez centímetros.  En Verín, outro particular alertaba de catro camións parados ante a presenza de neve na estrada que une Verín con Campobecerros, á altura do quilómetro 17. Outro camión tamén viu interrumpida a súa marcha na Fonsagrada, no punto quilométrico 1 da LU-701. Na A-52, á altura de A Gudiña, a caída de neve na estrada estaba a ralentizar a circulación rodada. Noutros puntos da xeografía galega estánse a rexistrar placas de xeo na rede viaria. Varios particulares alertaban ao longo da mañá da presenza de xeo nos firmes de estradas de Rodeiro (PO-533), Monfero (AC-151), As Pontes (AC-101) ou Vimianzo (AC-552).

facebook twitter instagram