Escoitar

Desaloxan unha urbanización en Poio por mor da rotura dunha tubaxe de gas

A urbanización A Caeira, en Poio, foi desaloxada esta mañá ante o risco de que se producise unha explosión debido á rotura dunha tubaxe de gas nas súas proximidades. Por mor da fractura no conduto orixinouse unha chama duns 5 metros de altura que poñía en perigo as vivendas dos arredores. Tras recibir a chamada de varios particulares, sobre ás 10:00 horas, alertando da situación, o 112 Galicia informou de inmediato aos Bombeiros de Ribadumia e puxo en alerta aos servizos sanitarios.

A partir de aí, o persoal do CAE 112 Galicia poñía, ademais, a situación en coñecemento da Garda Civil e Policía Local, Bombeiros de Pontevedra, GES de Sanxenxo e Protección Civil.

Unha vez feito o corte da subministración de gas para apagar a chama, os técnicos alí desprazados, confirmaron unha pequena concentración de gas nun garaxe. Con todo, aseguran que non hai risco de explosión.

Aínda que Urxencias Médicas desprazou ata o lugar unha ambulancia, polo momento ninguén resultou ferido. Nestes intres, os servizos de emerxencia continúan a traballar no lugar.

Pequena deflagración en Narón
Un home resultou ferido esta mañá despois de producirse unha pequena deflagración de butano na cociña da súa vivenda. Sobre as 11:00 horas, Urxencias Médicas informaba ao 112 Galicia dun estoupido na cociña dunha casa situada na estrada de Cedeira, en Narón. De inmediato, dende o CAE 112 Galicia puxéronse os feitos en cocemento dos Bombeiros de Narón, de Ferrol, da Policía Nacional e Local e de Protección Civil.

Os bombeiros confirmaron que se tratou dunha pequena deflagración debido que, o gas da cociña levaba tempo aberto, e, ao querer poñer -o dono- unha pota ao lume fixo un pequeño estoupido. Por iso, informouse tamén ao persoal da empresa subministradora do gas. Urxencias Médicas confirmou que o ferido puido ser atendido no mesmo domicilio polo persoal sanitario sen ser preciso o seu traslado a ningún centro hospitalario.

 

Unha persoa ferida ao saírse da vía en Ponte Caldelas

Unha persoa resultou ferida despois de saírse da vía e chocar contra unha casa co seu coche en Ponte Caldelas. Debido ao impacto ardeu por completo o turismo e parte dun alpendre anexo á vivenda, que quedou derrubado.

O accidente tivo lugar no punto quilométrico 5,900 da PO-255.

Urxencias Médicas alertaba do sinistro ao 112 Galicia ás 9:55 horas.  Nese momento, dende  o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasábase o aviso aos Bombeiros do Morrazo, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Pontevedra, ao Concello de Ponte Caldelas e ao servizo de mantemento da estrada.

Finalmente, o lume quedou sufocado.

Embarazada ferida
Por outra banda, unha muller resultou ferida leve nun accidente de tráfico no que se viron implicados dous turismos en Vigo.

O 112 Galicia tiña constancia do sinistro, que ocorreu na rúa san Roque, a través dun particular pasados uns minutos das 10:40 horas. 

Decontado, dende o CAE 112 Galicia pasouse o aviso a Urxencias Médicas, Policía Local, Bombeiros de Vigo e Protección Civil.