A AXEGA enviará ás Neves unha cisterna con 25.000 litros de auga para dar subministro á poboación mentres resolven os problemas de captación
A Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) trasladará ás Neves unha cisterna con capacidade para 25.000 litros de auga para colaborar no subministro á poboación mentres o Concello resolve os problemas de captación no Río Termes. As choivas dos últimos días arrastraron cinza dos montes queimados e alteraron a composición da auga.
Os responsables da Administración local pecharon a captación e só teñen subministro para unhas horas máis. Así, pediron a colaboración da AXEGA para poder dar servizo, especialmente, aos edificios catalogados como “sensibles”, isto é, os centros educativos, de maiores e sanitarios.
A AXEGA enviará á zona unha cisterna con capacidade para 25.000 litros de auga, que primeiro deberán potabilizar para dar, finalmente, subministro á poboación.
Tamén dende a Central de Incendios aportarán medios materiais para garantir o servizo esencial.
Por último, dende o 112 Galicia, se puxo en contacto aos responsables municipais cos técnicos da Confederación Hidrográfica do Miño, a onde pertence o Río Termes, para coñecer a duración estimada do fenómeno e posibles alternativas para a captación de auga noutras zonas.
Un vehículo atropelou a un peón e bateu contra un poste en Sada
Un turismo alcanzou a un peón e acto seguido bateu contra un poste da luz en Sada. Ocorreu ás 14:30 horas desta tarde, concretamente, no número 44 do lugar de Osedo.
O ferido foi trasladado por unha ambulancia de Urxencias Médicas ao Hospital San Rafael. E, ademais dos servizos sanitarios, o persoal do CAE 112 Galicia informou aos Bombeiros de Betanzos e os axentes da Policía Local e da Garda Civil de Tráfico.
Foi unha persoa particular quen puxo en alerta aos xestores do 112.
Accidente en Pontevedra
O CAE 112 Galicia rexistrou outro atropelo en Pontevedra. Un turismo alcanzou a unha muller de avanzada idade que camiñaba preto do Colexio das Doroteas. Ocorreu arredor das 14:30 horas de hoxe e o persoal do 112 Galicia pediu a colaboración dos profesionais de Urxencias Médicas e dos axentes da Policía Local.