Escoitar
domingo, 14 Agosto, 2022

Os concellos de Laxe e Sanxenxo rexistran senllos accidentes con cadansúa persoa ferida e múltiples danos no mobiliario urbano, que mesmo chegaron a afectar aos subministros de telefonía e electricidade.

O sinistro máis recente ocorreu na vila pontevedresa, pouco despois das seis desta mañá. Segundo a información recollida no 112 Galicia, un vehículo saíuse da vía e envorcou cando circulaba pola PO-308, ao paso polos Cotos, en Dorrón. Como consecuencia do golpe, caeu un poste da rede eléctrica, o que deixou sen luz a estrada. 

Varias persoas particulares chamaron ao 112 Galicia para informar sobre o accidente. Mesmo, o 112 Galicia recibiu comunicación co interior do vehículo mediante o sistema de alerta automático. Desta maneira, puxéronse en marcha os protocolos necesarios para enviar a axuda máis útil: asistencia médica, axentes de seguridade e recursos de emerxencias. De feito, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 chegaron a trasladar a unha persoa ao Hospital Domínguez de Pontevedra. 

Pola súa parte, os membros do GES de Sanxenxo descartaron intervir ao confirmarse que ningún dos ocupantes do turismo estaba atrapado ou necesitaba algunha axuda especial.

Iso si, os axentes da Policía Local enviaron unha patrulla ao lugar do accidente para coñecer todos os detalles e tratar de confirmar a información facilitada por unha das persoas que alertou ao 112 Galicia, pois aseguraba que o condutor marchara do lugar.

Por último, avisouse tamén ao persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas co fin de retirar os danos provocados polo accidente e restablecer as condiciones de seguridade na vía, tales como a iluminación.

Bate contra postes de teléfono e electricidade en Laxe
Un par de horas antes, en Laxe, outro sinistro con características similares rexistrouse no 112 Galicia. Tamén un turismo saíuse da vía e levou por diante postes de teléfono e rede eléctrica no lugar de Traba.

Ao igual que en Sanxenxo, unha persoa necesitou asistencia médica debido ás lesións provocadas polo golpe. Deste maneira, solicitouse a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos membros do GES de Ponteceso e dos voluntarios de Protección Civil da localidade para dar apoio ao equipo médico.

Igualmente, foron avisados os técnicos das empresas subministradoras dos servizos de electricidade e telefonía para a reparación dos danos.