Ao longo do temporal que afectou á nosa Comunidade, concretamente no período comprendido entre as 00:00 e as 17:00 horas, o CIAE-112 contabilizou un total de 208 incidencias relacionadas cos episodios meteorolóxicos adversos por choivas, vento e costeiros.
A Coruña foi a provincia máis castigada polo paso do temporal cun total de 84 incidencias, seguida a de Pontevedra con 66, Lugo con 36 incidentes rexistrados e Ourense con 22. As incidencias que máis se repetiron están relacionadas coa caída de árbores e pólas nas estradas, cun total de 95, e obxectos varios e restos de accidentes nas vías de circulación, que ascenden ás 24 incidencias.
En canto aos concellos máis afectados destaca o de Vigo con 14, Pontevedra 7, A Estrada 6 e Moaña 4. Na provincia da Coruña, Santiago de Compostela 12 e Muxía e Ribeira 7, respectivamente. En Lugo, Mondoñedo e Folgoso do Caurel rexistraron 4 incidencias en cada un deles e Quiroga sumou 3 incidentes. Por último, na provincia de Ourense, os concellos de Muíños, Taboadela e Xunqueira de Ambía alcanzaron, respectivamente, as dúas incidencias.