Escoitar
luns, 3 Outubro, 2022

Tras ser atendida no lugar do accidente polos servizos sanitarios, a persoa ferida foi trasladada ao centro hospitalario de referencia.

A través da chamada dun particular, realizada pasadas as 7 horas desta mañá, o 112 Galicia tivo coñecemento dun sinistro na Avenida do Alcalde Alfonso Molina, situada na cidade da Coruña. O alertador informaba dunha colisión trala que un dos vehículos implicados rematara envorcado.

Dende o 112 coordinouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros e da Policía Local da Coruña, da Garda Civil de Tráfico e dos servizos de mantemento das estradas.

Así pois, o persoal dos Bombeiros, que se desprazou ao punto con celeridade, tivo que realizar labores de excarceración a fin de retirar á persoa ferida do vehículo, quen sería, finalmente, trasladada ao centro hospitalario polo persoal dos servizos sanitarios, que foran mobilizados a bordo dunha ambulancia.

Unha vez rematada a intervención dos equipos de emerxencias, os operarios de mantemento das estradas encargáronse da limpeza do asfalto para restablecer a circulación o antes posible.

Saída de vía en Maside
En Maside, outra persoa precisou ser excarcerada tras saírse da vía. Ás 8:30 horas, un particular informaba do accidente, ocorrido poucos metros despois da saída da N-541, á altura da parroquia de Santa María de Amarante (Ourense). O coche do implicado saíu despedido por unha pendente e rematou chocando contra unha árbore.

Dende o primeiro momento apuntouse a que había un ocupante ferido que non podía abandonar o vehículo polos seus propios medios. Por iso, desde o 112 informouse aos Bombeiros do Carballiño, que tiveron que intervir para sacar á persoa. Esta foi trasladada polo persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Tamén participaron no operativo axentes da Garda Civil de Tráfico.