Así o confirmou a Garda Civil de Tráfico ao 112 Galicia, tras a comprobación do interior do vehículo. Os Bombeiros de Valdeorras utilizaron o material de excarceración para liberar o corpo sen vida da muller. Tamén, retiraron da vía de circulación os porcos que cargaba o camión.
O sinistro produciuse ao colidir un camión que cargaba porcos con dous coches. Un deles rematou debaixo do remolque do vehículo que transportaba animais, no punto quilométrico 464 da N-120.
O 112 Galicia tivo coñecemento deste accidente de tráfico, que se saldou con dúas persoas falecidas e tres feridas, uns minutos antes das 7:00 horas desta mañá.
De xeito inmediato, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Ourense, dos Bombeiros e GES de Valdeorras, da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da vía de circulación.
Ademais, púxose a situación en coñecemento do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), para prestar apoio aos familiares das vítimas.