Escoitar
mércores, 23 Novembro, 2022

Malia que a intensidade das chuvias diminuíu ao longo desta mañá, os servizos de emerxencias continúan vixiantes das zonas afectadas pola suba dos caudais.

En concreto, tras o desbordamento do río Tea, ao seu paso por Ponteareas, ao fío das doce e media deste mediodía, un taxista informaba ao 112 Galicia de que os coches non podían circular, debido a que a ponte seguía anegada. Tamén, os Bombeiros de Ponteareas comunicaban que, malia que o nivel da auga estaba a baixar, había moita corrente, polo que continuaban moi pendentes das persoas que foran auxiliadas nas súas casas, debido aos asolagamentos dos baixos dos inmobles afectados.

Por outra banda, en Caldas, os xestores do 112 recibían o aviso dos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade, que informaban do peche do paseo de madeira peonil, ao carón do río Umia, tamén por asolagamento.

No mesmo senso, os efectivos do GES de Ribadavia comunicaban a súa saída para balizar e interromper o paso dunha pista de terra ao carón do Avia, por mor do desbordamento do río.