Imaxe escoitar Escoitar
luns, 25 Marzo, 2019

Unha persoa resultou ferida de consideración ao envorcar un camión –de transporte de madeira- enriba do turismo que conducía.

O accidente ocorreu preto das 10:15 horas desta maña, na estrada que une as localidades de Santa Comba e Zas, á altura do punto quilométrico 3,000 da AC-404. Foi a esa hora, cando os servizos sanitarios de urxencia comunicaban ao 112 Galicia que o helicóptero medicalizado con base en Santiago se desprazaba ata o punto indicado.

A partir de aí, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, alertouse da situación aos Bombeiros de Santa Comba, aos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e Protección Civil da localidade.

Segundo indicou a Policía Local ao 112 Galicia, finalmente, a persoa puido saír polos seus medios do interior do vehículo, polo que, descartouse o uso do material de excarceración.

A aeronave trasladou ao ferido ao centro hospitalario de referencia.

Choque en cadea
Ademais, o 112 Galicia tamén tivo constancia dun accidente múltiple en Padrón. Unha muller resultou ferida despois de verse implicada nunha colisión entre tres vehículos cando circulaba pola N-550, á altura de Cruces.

Un dos condutores dun dos turismos foi quen, sobre as 10:00 horas de hoxe, poñía en alerta ao 112 Galicia. A partir de aí, os xestores de emerxencias, solicitaron axiña a intervención do 061-Urxencias Sanitarias, dos membros do GES de Padrón e dos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Finalmente, os efectivos dos servizos de emerxencias que se atopaban no lugar, confirmaron o traslado dunha muller ao centro hospitalario de referencia.

Vehículo envorcado
Por outra banda, unha persoa foi trasladada ao Hospital da Rosaleda de Santiago tras resultar ferida ao envorcar co seu vehículo cando circulaba pola A-54, en Santiago de Compostela.

O alertante que chamou ao 112 Galicia arredor das 10:15 horas para pedir axuda, indicaba no seu relato que unha persoa podería estar atrapada no seu interior. Con estes datos, o persoal do 112 informou aos servizos sanitarios de urxencia, aos Bombeiros de Santiago e aos axentes Garda Civil de Tráfico. Ademais, solicitouse a colaboración dos efectivos de Protección Civil da localidade.

Unha vez no punto, os bombeiros indicaron que a persoa estaba accesible polo que non foi preciso excarcerar. 

facebook twitter instagram