Imaxe escoitar Escoitar
martes, 24 Xaneiro, 2023

O tren, de transporte de mercadorías non perigosas e que cubría a ruta Santiago-Ourense, descarrilou tras atoparse cun derrubamento sobre a vía, e acabou por colidir contra o piar dunha ponte que circula por enriba. A locomotora e varios vagóns quedaron envorcados lateralmente, mentres que o maquinista puido saír coa axuda dos Bombeiros de Silleda, que non tiveron que empregar o material de excarceración. O accidentado non presentaba feridas de consideración.

Sobre as 9:15 horas desta mañá, desde o Centro de Seguridade de Adif informaban ao 112 de que un tren de mercadorías sufrira un accidente nas proximidades da estación de Lalín, en sentido Ourense. Cómpre sinalar que, no momento dos feitos, non transportaba ningún material. O punto localízase á altura do quilómetro 7 da PO-902, e desde Adif confirmaron que nesa zona non hai catenaria.

O maquinista do convoi permaneceu consciente en todo momento, e desde os servizos de emerxencias indicáronlle que non abandonase a cabina ata que chegaran ao lugar. Estaba, iso si, atordado ao sufrir un golpe na cabeza tralo sinistro.

Tamén un particular que se atopaba na zona chamou ao 112 para alertar do sucedido, e explicaba que a locomotora e varios vagóns resultaran envorcados.

No operativo participaron o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil, os Bombeiros de Silleda, o GES de Lalín, a Policía Local e os membros do Servizo Municipal de Protección Civil de Lalín e o persoal de Emerxencias de Adif. 

Polo de agora, os servizos de emerxencias continúan traballando no punto para retirar a máquina accidentada da vía. 

facebook twitter instagram