Escoitar

Colles as toallas, a auga, a crema protectora e todo o sentidiño. É verán e vas á piscina coa cativada.

Estes espazos poden proporcionar momentos moi divertidos aos máis peques. Con todo, para gozar dun baño seguro, é necesario ter en conta algunhas medidas para protexelos e coidalos.

En primeiro lugar, debes vixialos continuamente. A atención sobre a cativada débese poñer tanto cando están na auga como cando xogan preto dela. Permanece preto deles e sen distraccións.

Lembra que a misión do socorrista é o rescate e o salvamento acuático cando é necesario, pero a vixilancia dos menores corresponde ao pai, nai ou titor. É por iso que esta acción non pode quedar delegada ao socorrista, que pode ter decenas de persoas na auga ao mesmo tempo.

Ademais, se vas instalar unha piscina inchable, faino lonxe de cables eléctricos e moita atención á súa profundidade.