Unha persoa resultou ferida despois de envorcar o vehículo no que viaxaba cando circulaba á altura do concello pontevedrés de Dozón. Ademais, foi precisa a intervención dos Bombeiros do Deza, que liberaron á persoa do interior do vehículo tras quedar atrapada polo cinto de seguridade.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do suceso sobre as 23:00 horas da pasada noite. Foi unha persoa particular quen, a esa hora, alertou ao 112 dun coche envorcado na N-525, antes de chegar a Dozón. Indicaba ademais,que había xente no interior do turismo.
Recibido o aviso, os xestores do CIAE axiña puxeron os feitos en coñecemento do persoal sanitario, da Garda Civil de Tráfico e dos Bombeiros de Deza que, tras chegar ao punto, confirmaron a excarceración da persoa.
Unha ambulancia do 061 trasladou ao ferido ao centro hospitalario de referencia.
Coche caído no río
En Oia, dúas persoas resultaron feridas ao caer o coche no que viaxaban ao río despois de saírse da vía á altura das Pozas de Loureza.
O alertante que chamou ao 112 Galicia, pasados uns minutos das 20:30 horas deste mércores, indicou que os dous ocupantes estaban fora do coche pero precisaban asistencia sanitaria. Así, decontado, dende o CIAE informouse da situación ao 061-Urxencias Sanitarias, Bombeiros de Baixo Miño, Axentes de Tráfico, GES da Guarda e aos efectivos de Protección Civil. Tamén, foi precisa a intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada, concretamente, para o punto quilométrico 22 da EP-2202, que se ocupou da reparación dos danos ocasionados.
Os dous feridos foron evacuados en ambulancia polos servizos sanitarios
Colisión en Bande
Por outra banda, sobre as 22:00 horas de onte, tamén unha persoa particular informaba ao 112 Galicia dun accidente con persoas feridas á saída do pobo ourensán de Bande.
A partir dese momento, o persoal do 112 Galicia puxo en alerta ao 061-Urxencias Sanitarias, GES de Muíños, Garda Civil de Tráfico e aos efectivos de Protección Civil da localidade.
Nada mais chegar ao lugar, os membros do GES indicaron que se tratou dun choque entre un turismo e unha furgoneta. O condutor do turismo foi trasladado polo persoal sanitario ao centro de Saúde da localidade e tres ocupantes da furgoneta, aínda que resultaron feridos de carácter leve, non precisaron ser trasladados.