Escoitar
sábado, 25 Xuño, 2022

Un home perdeu a vida este mediodía en Carballo tras ser alcanzado por un coche que bateu, previamente, contra outro vehículo.

Sucedeu no punto quilométrico 5 da DP-1914, á altura da parroquia de Rus.

O 112 Galicia tivo coñecemento dos feitos ao fío das 12.00 horas, a través dunha persoa particular. Segundo indicaba na súa comunicación, a persoa atropelada atopábase atrapada debaixo do coche que o alcanzara.

De xeito inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento dos Bombeiros de Bergantiños, que fixeron uso do material de excarceración para liberar ao home.

Desde o 112 Galicia solicitouse tamén a intervención do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que tan só puido confirmar o falecemento do varón.

Ademais, ata o lugar acudiron os membros do Servizo Municipal de Protección Civil e os axentes da Policía da Local e da Garda Civil de Tráfico.

Segundo confirmou ao 112 Galicia o Servizo Municipal de Protección Civil, non houbo máis feridos no propio accidente entre os dous vehículos.