Imaxe escoitar Escoitar
luns, 3 Outubro, 2022

O implicado sufriu unha caída na praia dos Muíños e tivo que ser atendido no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee.

Esta mañá, ás 9:45 horas, o 112 Galicia recibía a chamada dun particular que alertaba da caída dun motorista na praia dos Muíños, en Muxía. Aínda que estaba consciente, o accidentado necesitaba da asistencia dos servizos sanitarios, pois resultara ferido ao golpearse coa area tras caer da moto.

Foi entón cando, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, se informou do acontecido aos equipos de emerxencias. O persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 desprazouse a bordo dunha ambulancia ata a area muxiá, onde ofreceron atención médica ao ferido. Finalmente, dende a Policía Local de Muxía comunicaron que o paciente foi trasladado ao centro hospitalario de referencia.

Ademais, voluntarios de Protección Civil da localidade achegáronse ata o lugar para colaborar no operativo.

facebook twitter instagram