Un operario foi trasladado en helicóptero medicalizado ata o Hospital de Ourense despois de caerlle enriba unha peza metálica de grandes dimensións mentres traballaba no Polígono Industrial A Uceira, no concello ourensán do Carballiño.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ao recibir a chamada de alerta dunha persoa particular ás 09:00 horas desta mañá. Durante a comunicación, o alertante solicitaba asistencia médica urxente para un traballador que resultou ferido ao ser golpeado nunha das súas extremidades por unha peza metálica circular duns dous metros de diámetro.
De inmediato, os xestores do 112 puxeron a situación en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, nada máis recibir o aviso, informaron da mobilización da aeronave medicalizada con base en Ourense.
Ademais, desde o 112 solicitouse igualmente a intervención dos Bombeiros do Carballiño ante a posibilidade do traballador atoparse atrapado debaixo da peza.
Finalmente, os efectivos do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento confirmaron que o operario estaba liberado pero, aínda así, tiveron que intervir para axudar ao ferido. Así, o traballador foi evacuado na aeronave ata o centro hospitalario.
Para prestar apoio aos servizos de emerxencia, avisouse tamén aos axentes da Garda Civil, da Policía Local e á Protección Civil da localidade.
Tres operarios feridos en Pontevedra
Por outra banda, outros tres operarios resultaron feridos, esta vez en Pontevedra, ao caerlles enriba un muro mentres traballaban nunha obra nas inmediacións da Rúa Luis Seoane.
Sucedeu ás 11 horas da mañá de hoxe. Foi un veciño da zona quen deu a voz de alarma ao 112 Galicia tras testemuñar o incidente e comprobar que os traballadores necesitaban auxilio médico.
Con estes datos, os xestores do 112 informaron a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Policía Local, Policía Nacional e Protección Civil de Pontevedra.